Día 2: de Getaria a Urdaibai

O día dous comeza como empeza calquera mañá nun albergue de peregrinos… as alarmas soan ás 6 da mañá. As lanternas son necesarias a esa hora para andar e seguramente o camiño empedrado que hai saíndo do albergue deu sustos a máis dun peregrino ao ter que pasalo nas tebras.

Pero nós como bicigrinos tivemos unha constante: ser os últimos en saír de cada albergue (aínda que adoitaba haber algún peregrino atrasado ou lesionado que nos facía compañía ata, como moi tarde, as 9). Mentres Rodrigo aproveitaba unhas horas no computador para non deixar de lado o traballo Daniel gozaba dunhas horas de soño a maiores… aínda que en realizade non estaba realmente esperto ata as 11.30 da mañá… paciencia….

Case me esquezo de mencionar a estraña obsesión por facer fotos a roupa tendida, non se que clase de atractivo teñen esas fotos pero Daniel non paraba de disparar esa mañá cando estabamos a recoller a roupa do tendal.

Pero volvamos falar da ruta do día 2, ía ser unha etapa longa pero estivo marcada por un fallo mecánico, por chamalo dalgunha maneira. Foron 20km moi relaxados, a primeira parada fixémola preto de Deba nun miradoiro de o Xeoparque da Costa Vasca cunhas vistas impresionantes da costa e das formacións xeolóxicas alí presentes con lenda incluída, a que se podía ler nun panel que entretivo a Rodrigo mentres Daniel non paraba de gravar algo que chamaba “recursos”. Pero excepto unha subida do 6% de 2 km en Elorriaga Auzoa a ruta foi bastante chaira.

Uns quilómetros despois, en Deba, chegou o desastre, a patilla do cambio da bicicleta de Daniel fíxose un churro, literalmente. Nunha zona chaira, nun parque detrás da vía do tren (non estaba a facer o cafre como ben se podía pensar). Crise liquidada por Siri, que rapidamente nos indicou onde estaba a tenda de bicicletas máis próxima, a uns 300 metros no mesmo pobo!! Aínda que o mecánico non quixo reparar a nosa Orbea e mandounos a outro pobo en tren.

Este día sen ter intención coñecemos ao Euskotren e converteuse no noso gran compañeiro da viaxe. Levounos ata Eibar onde se nos repararon a bicicleta, aínda que o cambio non foi o único que tivemos que reparar, chegoulle a quenda ao pedalier, as cubertas…. Menos mal que só é o día 2!!

Tardaron 5 horas en arranxar a bicicleta, así que nos deu tempo a percorrer Eibar e coñecer ás súas xentes, pero decidimos volver subir ao tren para chegar a Urdaibai, xa que ía ser o noso primeiro día para gravar entrevistas e queriamos ser puntuais e estar frescos.

DIA 2-27/6/16

SAÍDA: Getaria

CHEGADA: Urdaibai

Primeiro tramo: Bicicleta, Getaria – Deba

DISTANCIA: 20 km

DESNIVEL: 550 m

Segundo tramo: Tren, Deba – Eibar.

Terceiro tramo: Tren, Eibar – Urdaibai.

Share your thoughts