Día 1: de Hendaya a Getaria

Chegar a Irún coas bicicletas e o equipo non foi unha tarefa fácil, aínda que o parecía. O plan era viaxar en tren desde A Coruña ata alí (RENFE 45,60€) pero uns días antes informáronnos de que nós poderiamos viaxar pero as bicicletas non, así que rapidamente buscamos alternativas como o bus ou o aluguer dun coche. Ao final a solución foi enviar previamente as nosas bicicletas por mensaxeira á pensión ( SEUR 49,99€) así que por algo menos de 100€ cada un superaramos o primeiro problema da viaxe.

Recíbenos un Irún en festas, como a maior parte dos sitios nos que estivemos, sempre houbo esa tentación pero claro, queriamos evitar a cervexa (tarefa difícil… pero polo menos o primeiro día cumprimos).

Á primeira hora da mañá desembalamos as bicicletas e apareceu o primeiro problema técnico, a patilla dunha das rodas estaba dobrada e non podiamos poñer a roda dianteira, aínda que uns cuantos golpes despois e cunhas arandelas puidemos cruzar a fronteira para empezar a aventura.

O percorrido comeza saíndo de Irún deixando o Aeroporto á dereita, segundo déixase Fuenterrabia empeza un ascenso do pico Jaizkibel, unha etapa da Clásica de San Sebastian, despois empézase a baixar ata chegar a Pasaxes onde se cruza en barco o porto (0,70€ cada bicicleta e 0,70€ cada pasaxeiro). Moi preto está San Sebastián, despois de percorrer a Praia da Concha continuamos ata Orio e despois doutro ascenso chegamos a un miradoiro sobre Zarautz ata onde chegamos para comer. Nese miradoiro pasamos un intre moi agradable con dous dos cociñeiros de Arguiñano que pararan na súa moto alí cunhas cervexas e non dubidaron en convidarnos a unha. Só quedaba un percorrido dun 7km moi chairos ata Getaria por un paseo marítimo que estaba cheo de xente paseando unha bonita e asollada tarde de domingo.
Getaria deunos un recibimento espectacular, o único que puidemos facer é deixar as bicicletas sobre a area da praia e tirarnos ao mar coa camisola posta, sen tempo a máis. Un pracer.

DIA 1-26/6/16
SAÍDA: Hendaya, Francia
CHEGADA: Getaria
DISTANCIA: 65 km
DESNIVEL: 1700 m

Share your thoughts