A importancia da creación dun sistema alimentario local sustentable

Beneficios dun sistema alimentario local sustentable

  • Económico
  • Ecolóxico
  • Social

Os beneficios dun sistema alimentario local sustentable teñen incidencia por igual no ámbito económico, ecolóxico e social.

A alimentación non é unha das preocupacións que recolle o CIS no seu estudo de percepción dos principais problemas de España, non aparece ningunha referencia á mesma desde que se superou a crise das vacas tolas no ano 2001.

Polo que podemos dicir, con tranquilidade, que non é un tema que preocupe ás familias. Pero é importante destacar que de 12.000 euros de media que gasta cada cidadán ao ano en España, uns 1.700 euros dedícaos á alimentación e só a vivenda supera este importe, polo que se que é un tema importante na nosa economía familiar.

Os alimentos percorren grandes distancias ata que chegan ao noso prato xerando un gran impacto no medio ambiente, provocando a emisión de gases de efecto invernadoiro.

Existe un alto consumo de enerxía para transportalos e mantelos refrigerados durante a longa viaxe. Debemos esforzarnos en evitar o consumo destes alimentos quilométricos como loita contra o cambio climático. Existen moitas iniciativas para un consumo máis responsable como Hermeneus, na que os consumidores contactan directamente cos produtores.

As paisaxes tamén son sabores na nosa boca e estes deterióranse á vez que a alimentación. A perdida de cultivos no campo provoca unha perdida de oportunidades económicas no rural que continua cun proceso de despoboamento. Mentres tanto nos países produtores as consecuencias son peores provocando contaminación, deforestación ou desprazamento de indíxenas.

Resulta moi importante realizar accións para cambiar o modelo e conseguir sistemas alimentarios máis responsables.

Plan alimentario

Para levar a cabo este cambio e crear un sistema alimentario local sustentable necesítase un plan e este é o Plan Alimentario.

Os beneficios principais son tres:

  • Económico: O aumento da produción e consumo de alimentos locais supón máis emprego local e máis diverso. A venda en proximidade permite ao produtor manter o medio rural vivo.
  • Ecolóxico: Os sistemas alimentarios son responsables de aproximadamente o 19–29% das emisións antropoxénicas totais de GEI a nivel mundial, polo que presentan un gran potencial para a mitigación do cambio climático. Ademais, a recuperación de terreos para un uso produtivo responsable evita a proliferación de especies invasoras e coida a paisaxe.
  • Social:
    • A calidade dos alimentos que comemos é esencial para a nosa saúde. Canto máis complexa e longa é a cadea alimentaria maiores son os riscos e maior necesidade hai de expoñer os alimentos a substancias químicas como os pesticidas utilizados na agricultura convencional.
    • A comercialización en canles curtas pode axudar a xerar sinerxias entre a actividade económica local e o tecido asociativo.

O plan debe deseñar unha estratexia alimentaria que estimule a produción e transformación e consumo de produtos locais para xerar e fortalecer as canles curtas de comercialización.

Os obxectivos dunha estratexia deste tipo deben deseñarse de forma participativa poñendo en común os intereses de todos os axentes que forman parte do sistema alimentario: produtores locais, empresas agroalimentarias, distribuidoras, grupos de consumo, asociacións de consumidores, técnicos das administracións competentes, fundacións… Todos eses actores deben definir actuacións encamiñadas a uns obxectivos comúns:

  • Fomentar o consumo e a produción de produtos locais e a súa comercialización en circuítos curtos.
  • Mellorar a gobernanza do Sistema Alimentario Local, xerando alianzas entre os axentes involucrados.
  • Recuperar as terras para o seu uso produtivo e mellora da paisaxe.
  • Incentivar a formación e o emprendemento.
  • Sensibilización da poboación local.
  • Investigación, desenvolvemento e innovación orientadas a unha mellora da calidade dos produtos locais ou á identificación de especies autóctonas rendibles comercialmente ou as zonas máis favorecidas para o cultivo dalgún cultivo concreto.

O Plan Alimentario (2014-2022) da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terrras do Mandeo é un caso de éxito e a actuación que máis destaca do seu plan de acción é a creación dunha marca. Explícanos a importancia da creación desta estratexia o Xestor da Reserva de Biosfera Jorge M. Branco Ballón que a viu como unha oportunidade de mitigación do cambio climático.

Soberanía alimentaria

É importante coñecer este concepto á hora de falar sobre sistemas alimentarios locais sustentables, foi introducido en 1996 polo Movemento Campesiño Internacional Vía Campesiña en Roma, con motivo do Cume Mundial da Alimentación da Organización para a Alimentación e a Agricultura ( FAO).

“A soberanía alimentaria é a capacidade de cada pobo para definir as súas propias políticas agrarias e alimentarias de acordo a obxectivos de desenvolvemento sustentable e seguridade alimentaria.”

Non se pode confundir coa seguridade alimentaria que trata da dispoñibilidade dos alimentos xa que a soberanía alimentaria tamén pon de relevancia o modo de producir os alimentos e a súa procedencia.