Turismo Sostenible: Urdaibai e o turismo ornitolóxico

Chegamos a última hora do día á Reserva da Biosfera de Urdaibai, o Euskotren déixanos no Concello de Murueta na parada de San Kristobal- Busturia e alí vemos un panel que nos indica que hai unha pequena ruta ornitolóxica pola Marisma do rio Oka.
Tras deixar a equipaxe nun hotel próximo decidímonos a facer esa pequena ruta, veunos ben para soltar as pernas e pensar na intensa xornada de traballo do día seguinte.
O turismo ornitolóxico está en auxe no mundo e España non é unha excepción. Quen non se fixou algunha vez do trino dun ave ou no seu voo? As aves son moi fáciles de admirar e son un espectáculo que transmite beleza e liberdade. Ademais, velas é unha actividade sinxela e están tamén en zonas urbanas o que fai que nos manteñamos preto da natureza.
Iniciarse na ornitoloxía é moi sinxelo, con darnos un paseo pola zona próxima á que vivimos adoita ser fácil observar varias especies de aves e con pouco esforzo podemos aumentar a nosa capacidade de observación e identificar múltiples especies que varían estación a estación.
Na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo existen iniciativas para fomentar o turismo ornitolóxico e deseñáronse rutas nas que existen paneis informativos para facilitarnos a identificación das aves e unha páxina web que reúne toda a información.
A Reserva da Biosfera de Urdaibai é un lugar privilexiado para a observación de aves, fixéronse varias iniciativas encamiñadas ao turismo ornitolóxico e hai que destacar o Urdaibai Bird Center un museo sobre o mundo das aves e as súas migracións. O centro está xestionado pola Sociedade de Ciencias Aranzadi dedicado á investigación e divulgación científica das aves, as súas migracións e os hábitats onde viven.
A zona húmida desta Reserva da Biosfera foi declarado zona ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) en 1994. A riqueza ornitolóxica desta zona vén avalada por numerosos estudos realizados desde hai varias décadas, podéndose observar no conxunto da Reserva preto de 250 especies de aves no conxunto do ano.
En realidade en España hai 644 ZEPA ocupando unha superficie de 15 millóns de ha pouco máis dun 20% da superficie de todo o Estado. Galicia conta con 16 ZEPA que suman un 100 mil ha que non chega a un 3% da superficie do territorio.
Se che interesa saber máis sobre turismo ornitolóxico ou ornitoloxía recomendámosche visitar a páxina web de SEO/BirdLife que é a organización para a conservación da natureza e biodiversidade en España máis acreditada para coñecer a ornitoloxía dentro das nosas fronteiras.