Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón

A Reserva da  Biosfera de Oscos-Eo foi declarada como tal pola UNESCO en 2007, converténdose na primeira comunidade cualificada con esta consideración fóra da rede de espazos naturais protexidos. E ten a particularidade, ademais, de ser a primeira que é compartida por dúas comunidades autónomas, Asturias e Galicia.

Esta Reserva abarca sete municipios asturianos e aglutina en total uns 1.600 quilómetros cadrados, nos que viven aproximadamente uns 34.000 habitantes. Son territorios unidos e ligados polo eixo fluvial do río Eo e a súa desembocadura.

Esta zona conta cunha gran variedade de unidades paisaxísticas. Ademais, o seu rico patrimonio natural asociado á desembocadura do Eo e aos vales das concas fluviais que vertebran o seu espazo, permite gozar dunhas fermosas praias e  escarpados cantís. A óptima conservación das súas formacións forestais son unha boa representación da media montaña cantábrica occidental, e non menos importante é a riqueza etnográfica e arquitectónica da zona.

Na súa declaración como Reserva da  Biosfera, a UNESCO recoñece o labor dos veciños da zona a favor do desenvolvemento sustentable, que favorece o crecemento respectando a conservación das paisaxes, os ecosistemas, as especies e a diversidade xenética. Trátase dunha paraxe enmarcada en territorios que sufriron ao longo de séculos consecuencias do illamento secular, pero que foi capaz de superar grazas ao bo aproveitamento de oportunidades para o desenvolvemento de proxectos pioneiros no ámbito internacional, de sustentabilidade e de turismo rural; todo iso, unido aos seus valores naturais e ambientais, aos seus valores paisaxísticos, ás súas actividades económicas e ao seu patrimonio cultural e etnográfico permitiu que esta zona poida seguir avanzando no progreso e desenvolvemento ordenado e sustentable. Os valores paisaxísticos desta zona son innegables, pero sobre todo destaca a súa traxectoria histórica de acción social e económica, así como de conservación do patrimonio.

A innegable beleza natural do Principado faise patente nos seus cinco territorios recoñecidos Reserva da  Biosfera, e en que unha terceira parte do seu territorio –340.000 hectáreas– conta con algunha figura de conservación.